3.31.2011

Na rúa contra a subcontratación na Xunta


Arredor de cen traballadoras e traballadores convocadas pola CNT saímos á rúa este 26 de marzo en Compostela para denunciar cesión ilegal de traballadores na administración en favor de empresas privadas, así como prácticas de acoso e despedimento.

Aínda que o tempo non acompañou, a manifestación comezou ás doce do mediodía na Praza Roxa de Compostela e rematou na Praza de Cervantes coa intervención dun dos despedidos e do secretario xeral da CNT compostelá.

Esta manifestación enmarca-se dentro da campaña que este sindicato puxo en marcha para denunciar a práctica habitual por parte da Xunta de Galicia, consistente en externalizar todos cantos servizos é posíbel pola vía de subcontratar traballadores a empresas externas. A precariedade no emprego público non só deteriora as condicións laborais dos traballadores, senón que degrada tamén o servizo que recibe o administrado. O sometemento, a pasividade, o enchufismo e a opacidade de acordos e intereses entre altos cargos e a empresa priman sobre os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade que deberan rexer o acceso ao emprego público.

Na CNT levamos anos pelexando contra esta situación e na actualidade temos varios conflitos abertos en distintas Consellarías.

Convidamos a todos e todas as traballadoras subcontratadas da Xunta a facerlle fronte a esta situación mediante a CNT, o único sindicato que non recibe subvencións, que non se presenta a eleccións sindicais, que non ten liberados e que non depende de ningún partido.
É dicir, un sindicato como ten que ser.

No comments:

Post a Comment