Este martes 23 de Febreiro a CNT da Galiza saiu à rua a reclamar o fin das subcontratacións ilegais que practica abundantemente a Xunta de Galiza en todas as suas consellarias, e mais inmediata a readmisión nos seus postos de traballo dos traballadores afiliados à CNT subcontratados durante anos nas empresas Tecnocom e Tragsatec e despedidos por denunciar a situación de cesión ilegal na que se atopaban. Celebraron-se concentracións nos edifícios centrais da Xunta de San Caetano (Compostela) e nas delegacións de Monelos na Coruña, de Ferrol e Vigo.
Estas concentracións enmarcan-se dentro da campaña que desde a CNT de Compostela está en marcha para denunciar a práctica habitual por parte da xunta de Galiza que consiste en externalizar todos cantos servizos é posíbel pola via de subcontratar traballadores a empresas externas. Desta maneira a Xunta comete unha evidente cesión ilegal de traballadores, pois cobre con traballadores externos prazas que na realidade debian sair a concurso público e ser ocupadas con persoal funcionário ou laboral fixo. Cando a situación é denunciada polos traballadores, a Xunta resposta da pior maneira: procede ao seu despedimento a través das empresas concesionárias da contrata.
Estes traballadores desenvolvian o seu traballo nas instalacións da Xunta, desenvolvian traballo para a Xunta, nos mesmos locais que o resto de traballadores, cos mesmos horários, coas mesmas responsabilidades, mais non cos mesmos direitos, dado que nen o seu réxime económico é igual ao retso de compañeiros, e ademais están sometidos a este tipo de despedimentos represivos para eles e coactivos para o resto de traballadores e traballadoras. Esta precariedade no emprego público non so deteriora as condicións laborais dos traballadores, senón que degrada tamén o servizo que recibe o administrado. O sometemento, a pasividade, o enchufismo e a opacidade de acordos e intereses entre altos cargos e a empresa priman sobre os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade que seica rexen o acceso ao emprego público.
Desde a CNT levamos denunciando esta situación durante anos. Xa en várias ocasións conseguimos a reincorporación dos traballadores ao seu posto de traballo, e na actualidade temos várias denúncias apresentadas en distintas Consellarias. Desde a CNT non vamos cesar na denúncia destas situacións entanto a Xunta, co partido que for, non respeite os direitos dos traballadores e as traballadoras. Pese a que, pola flagrante irregularidade que se ten cometido con eles, os nosos compañeiros tiñan todas as cartas a favor para gañar o caso nos tribunais, convidamos-vos a participar nas vindeiras mobilizacións, para facer sentir aos compañeiros o calor da solidariedade e, aos opresores, a forza da Clase Obreira organizada e a acción directa.
www.cntgaliza.org
No comments:
Post a Comment