Desde o inicio da crise económica, a CNT defendeu a folga xeral como
principal ferramenta da clase traballadora contra os ataques da banca e a
patronal. Rexeitamos a negociación á que o sindicalismo de concertación
chamaba ao goberno para suavizar a reforma laboral tras a folga xeral
do 29M.
Do mesmo xeito rexeitamos as formulacións do chamado cume social, de
eliminar só os excesos máis flagrantes do goberno do PP, mantendo o
núcleo do sistema económico e político que nos colocou nesta situación,
así como os seus intentos de desviar e dilatar a resposta social con
propostas inútiles como a esixencia dun referendum. A dura situación
social esixe unha resposta contundente, crecente e continuada que rompa
ataduras co armazón político e económico que a orixinou e da que se
beneficia e as complicidades co mesmo.
Tras meses de dúbidas, CCOO e UXT convocarán folga xeral o 14N,
arrastrados, dun lado, polo malestar social crecente e a mobilización na
rúa e, doutro, polas continuas medidas antiobreiras dun goberno ao
servizo de elites financeiras e patronais sen intención algunha de ceder
migallas que permitan ao sindicalismo institucional xustificar o seu
papel. CNT acordou convocar folga xeral o próximo 14 de novembro, e
farémolo de forma diferenciada e coas nosas propias reivindicacións e
formulacións. Dicimos que esta folga é necesaria pero non suficiente e
chamamos a levala máis aló do guión esteril e frustrante ao que nos ten
afeito o sindicalismo institucional.
O noso reto é que esta folga fortaleza a vontade de loita e
autoorganización de capas cada vez maiores da clase traballadora,
construíndo a capacidade de impulsar novas convocatorias e mobilizacións
a nivel global e nos distintos sectores. Convocamos á folga do 14N con
vontade de continuidade. Convencidos de que para enfrentarmos ás elites e
institucións financeiras europeas e os seus gobernos monicreques, é
necesario non só impulsar a unidade de clase máis aló dos límites
artificiais das fronteiras nacionais, como empeza a apuntar a folga do
14N, senón que debemos romper tamén cun formato de folga que está lonxe
de ser suficiente para enfrontar estas políticas.
Temos o reto de ser capaces de ir máis aló de paros de 24 horas illados
no tempo, máis aló da paralización da actividade puntual nas industrias e
sectores tradicionais, de atopar formas de interromper todo o proceso
de produción e consumo, de incorporar á mobilización ao conxunto da
clase traballadora, por precarizada e dividida que estea. Gañar a
capacidade de facer o maior dano posible aos intereses económicos da
elite empresarial e financeira é o obxectivo principal da folga xeral.
Chamamos a organizacións sindicais e movementos sociais anticapitalistas
a traballar desde xa por desbordar e dar continuidade a folga do 14N. A
tomar desde xa a rúa e as empresas para non abandonalas. Facer que a
folga xeral deixe de ser pouco máis que un lema, para converterse nunha
ferramenta real de loita é o noso obxectivo, e o 14N temos que dar o
próximo paso para facelo realidade, con todas as nosas forzas por que
nos xogamos moito.
¡14N Folga Xeral! ¡A por todas!
Secretariado Permanente do Comité Confederal CNT-AIT
No comments:
Post a Comment