O sábado 26 de febreiro celebrouse no auditorio do Centro Cultural de Xinzo (Ponteareas) o II Foro-Mesa redonda “O sector forestal a debate” organizado pola Sección Sindical Forestal da CNT-AIT.
Pola mañá participaron Mercedes Martín (membra de Verdeazul), que nos falou da súa experiencia profesional como integrante desta empresa de aventura ubicada en Tui. Esta empresa adícase a facer roteiros guiados para aquelas persoas que gosten disfrutar da natureza en estado puro. Realizan tres roteiros principais como son o do río Tripes (afluente do Miño), o de San Antoniño e o da subida ao monte Galiñeiro.
Tamén nos falou da importancia de coñecer a paisaxe e o noso patrimonio etnográfico para así valorar o medio natural tan rico e diverso no que vivimos.
A continuación Julio Ruiz Cagigal (enxeñeiro técnico forestal) espúxonos o seu punto de vista sobre os temas da madeira, madeiras nobres e biomasa. Fixo fincapé no problema do minifundismo en Galiza, que provoca que o aproveitamento madeireiro sexa pouco rentable debido ás reducidas dimensións das superficies arboradas e que inda por riba están moi repartidas en mans de propietarios particulares, o que dificulta a súa xestión. Así, fronte a este problema propuxo como solución a agrupación de propietarios particulares e de comunidades de montes veciñais en man común para unir esforzos e reducir custos que maximicen os beneficios dos propietarios e que polo tanto faga máis rentable o aproveitamento madeireiro do monte.
En canto ao tema das madeiras nobres, falou da nula ou case nula aplicación de selvicultura nos montes de Galiza para así mellorar a calidade da madeira e obter un maior valor engadido da mesma.
Outro problema ao seu xuízo é o pouco valor que lle damos á madeira producida aquí, como é o caso do piñeiro. Esta madeira pode utilizarse como materia prima para facer mobles, pisos de madeira, tarimas, etc. Isto dá lugar a que se teña que importar a maior parte da madeira que se consome en Galiza, o que se traduce nunha falta de interese polo coidado dos montes.
Sobre o tema da biomasa Julio Ruiz Cagigal falounos da importancia desta fonte de enerxía renovable para a conservación e aproveitamento sustentable dos montes. Segundo dixo, actualmente aínda non é rentable a producción de enerxía eléctrica a partir da queima de biomasa, xa que a elevada inversión en infraestructuras e en loxística para crear e abastecer as plantas de biomasa supoñen un custo moi alto que non se cubre coa venda electricidade producida. Por iso este tipo de enerxía renovable só é interesante para as empresas debido á subvención millonaria que reciben do estado. Neste sentido, avogou por construír plantas de biomasa de producción media (sobre 5 Mw de potencia eléctrica producida) que causen menos impacto e demanden unha cantidade de biomasa acorde coa que produce o monte. Tamén propuxo como medida de aforro enerxético a instalación de plantas de biomasa nos edificios públicos para a producción de calor.
O terceiro relator foi Ángel González (traballador do SPDCIF) que nos contou a súa visión sobre a problemática dos incendios forestais en Galiza. Falounos da pouca solidariedade que existe entre a xente que traballa no SPDCIF, a falla de profesionalización e da falla de medios materiais como no caso os equipos de protección individuais, para traballar nunhas condicións dignas e de seguridade. Tamén deu unas nocións básicas sobre como se debe enfrontar un traballad@r á tarefa de intentar sofocar un lume ou protexerse do mesmo coa maior seguridade posible.
O último relator da mañá foi Santiago Barciela (biólogo e técnico da U.S.C.) que nos falou do tema gandeiro como aproveitamento complementario do monte que serve para dinamizar o medio rural. Sobre todo falounos do gando vacún en liberdade para a producción de carne con razas autóctonas como a rubia galega. Neste sentido fixo hincapé que as explotación deste tipo en Galiza non poden competir con outras carnes de fóra debido ás pequenas dimensións das superficies que serven de alimento ao gando e á falla de profesionalización do sector. Aínda así dixo que o potencial productivo de Galiza de carne de vacún é moi importante.
Xa pola tarde, Almudena Rodríguez Vila (enxeñeira agroforestal e membra da asociación 13/14) falounos sobre a ecoloxía entendida como base para explicar o funcionamento dos ecosistemas forestais nos que se desenvolven tódalas interaccións entre a flora, fauna e ambiente. Fixo hincapé no importante que é conservar a biodiversidade para así manter as unións da cadea trófica entre os elementos que manteñen a ecoloxía forestal.
Jesús de la Fuente (enxeñeiro de Montes) falounos da importancia dos ríos e das carballeiras como reservas de biodiversidade e reguladores de procesos climáticos, así como a súa función de corredores ecolóxicos.
Deunos unhas nocións de cómo manter os bosques de ribeira con especies de frondosas como o freixo, o ameneiro, o salgueiro, etc. Tamén nos falou da importancia de conservar os recursos hídricos (ríos, regatos, acuíferos), cada vez máis escasos debido á súa sobreexplotación, mediante repoboacións nas cabeceiras dos mesmos para evitar que se esgoten os manantiais.
Alexandre Cendón (membro da Sociedade Abella Lupa S.A.T.) falounos da súa experiencia como integrante dunha empresa de producción de mel ecolóxica. Esta empresa posúe tres parcelas no concello de O Covelo (na zona do Suído) nas que ten instalados varios apiarios nos que viven as abellas productoras da mel. Esta mel goza do certificado de producto sustentable grazas ó coidado á que son sometidas e ó entorno libre de contaminación no que viven. Este certificado provoca unha diferenciación da calidade da mel obtida.
Tamén nos falou dos problemas que causan os pesticidas que algunha xente utiliza deliberadamente,
que afectan ás abellas encargadas da polinización de moitas plantas, alterando o ecosistema. Neste sentido avogou por utilizar a loita biolóxica (mediante depredadores) fronte á ameaza de insectos ou fungos que poidan danar as colmeas.
Por último, Xavier Simón (secretario da C.M.V.M.C. de Cabeiras – Arbo) contounos a experiencia que están levando a cabo na Comunidade de Montes de Cabeiras cunha explotación caprina en ecolóxico. Teñen 50 hectáreas cercadas divididas en diferentes parcelas, nas cales hai un certo número de cabras que se alimentan da biomasa que produce o monte. Actualmente teñen sobre 175 cabras; os machos véndenos para carne e as femias mantéñenas como cabezas reproductoras. De momento a explotación non lles resulta rentable, pero eles calculan que tendo sobre unas 300 cabras xa lles sairían as contas. Aínda así obteñen un beneficio moi importante como é a limpeza do monte como medida preventiva fronte ós incendios forestais. Ademais teñen un pastor a tempo completo coidando do rebaño de cabras, o que indica que tamén é unha fonte de emprego.
En liñas xerais dicir que o II Foro – mesa redonda “O sector forestal a debate” gustou ós asistentes, proba disto foron as numerosas preguntas feitas polo público así como o debate aberto que se deu sobre os temas tratados. Tamén hai que salientar a calidade das exposicións dos relator@s que foi moi boa, deixando unha grata impresión nos asistentes. Tamén dicir que houbo un nivel de asistencia aceptable (entorno a 40 persoas).
Esperamos que o vindeiro ano poidamos xuntarnos de novo para aprender un pouco máis do noso monte e concienciar á tod@s do importante papel que desempeña nesta sociedade.
http://cntforestal.blogaliza.org
No comments:
Post a Comment